Partindo do coñecemento antropolóxico e do potencial do patrimonio inmaterial galego desenvolvemos para a empresa Rei Zentolo unha proposta de personaxes mitolóxicos tradicionais da nosa cultura cuxas características, simbolismo, descrición ou atributos poden facelos susceptibles de equipararse aos superheroes clásicos dos cómics norteamericanos.

A idea, xa que logo, era pór en marcha un proxecto creativo no que traballásemos cos aspectos simbólicos, míticos, históricos e patrimoniais da cultura galega para ofrecerlle á empresa Rei Zentolo os contidos e o asesoramento cultural necesario para que puidese desenvolver novos produtos fortemente enraizados na nosa cultura e tradición.

Foi así como naceu a colección “Superheroes galegos”, na que xogando coa estética dos clásicos cómics de superheroes, REI ZENTOLO achéganos ao mundo da mitoloxía galega co afán de transmitirnos o valor deste legado cultural e de axudar á valorización do noso patrimonio como pobo. Unha nova colección de camisolas composta, inicialmente, por catro camisetas que se venden xunto co seu póster e cómic explicativo correspondente: Loberno, Tronante, Nubeira e Negrumante.

Velaí a Colección Mitos Galegos: unha selección de personaxes míticas realizada baixo o asesoramento do antropólogo Rafael Quintía (da empresa AB ORIGINE) e convertidas en realizadade grazas á maxia creativa do deseño de REI ZENTOLO.