A sra. Teresa Reijía Pose, Teresa “dos cucos”, fala do antigo entroido en Malpica, das comparsas, coplas e xogos. Vídeo do proxecto “Saberes de Muller” O Couto (Ponteceso). Un proxecto orixinal de Ab Origine, promovido pola Fundación Eduardo Pondal.

Sátira, coplas e comparsas no Entroido bergantiñán”

O Entroido é a celebración máis importante, complexa e fascinante de cantas conforman o noso calendario ritual. Un feito social total, como xa teño explicado noutras ocasións, pois aglutina aspectos económicos, relixiosos, políticos, sociais e incluso xurídicos ao establecer unha nova normatividade imperante neste tempo festivo especial. Asemade, o Entroido é unha festa de enorme carga ritual onde se combinan diversos aspectos, entre eles a compoñente satírica, a burla, a mofa e o escarnio que permite, precisamente, esa nova normatividade temporal.

Os ritos burlescos típicos do Entroido inclúen o teatro popular; os xogos como o da vaca; as farsas; a representación de oficios onde se imitaban traballos do campo, vodas, partos e outras situacións cotiás escenificados de forma esperpéntica e humorística; os sermóns e testamentos de peche do Entroido; as bromas entre veciños e tamén a marabilloso retranca das sempre creativas letras das comparsas.

Nos entroidos da comarca de Bergantiños atopamos o repertorio completo destes ritos satíricos e festivos pero cómpre salientar a especial importancia que as comparsas entroideiras acadaron nesta terra. Non por nada é esta terra de regueifeiros, artistas da improvisación, mestres da sátira doutores da retranca e a rexouba.

As cantigas das comparsas destacaban polas súas letras. Quedan na memoria agrupacións como “Los ciegos con vista”, do 1933; a comparsa titulada “Os Esquerdistas”, celebrada no 1936 en Branduas e Niñóns; ou aquela do 1950 que falaba “dunha cousa rara”: a dura vida e as penurias dos mariñeiros. Poderíamos citar tamén aquelas “Voces infantiles del carnaval”, que no 1961 cantaban:

Somos de Mens e Asalo

dos máis forxos do lugar

non quixeron vir os outros

porque se queren casar.

Unha letras que co verniz da mofa e do humor popular, facían un percorrido satírico polos feitos acontecidos na aldea durante o ano, con especial interese na crítica pública daqueles veciños cuxo comportamento vulnerase as normas sociais. Chismes, ruxe ruxes, preitos, asuntos amorosos, liortas entre a veciñanza ou entre aldea eran tan só algúns dos temas que desfilaban por estas coplas populares, sen esquecer a sátira e a crítica social aos poderes establecidos: políticos, económicos, eclesiásticos, xurídicos, etc.

Neste Entroido pandémico, quixemos presentar en vídeo o testemuño de Teresa ”dos cucos” que, coa súa prodixiosa memoria, lémbranos algúns deses aspectos máis satíricos e burlescos do Entroido bergantiñán. Da súa viva voz poderemos escoitar algunha daquelas vellas coplas interpretadas polas comparsas nestes tempos rituais de licencia, excesos e diversión. Un testemuño que pon sobre a mesa a importancia de afondar no coñecemento, estudo, divulgación e valorización do noso patrimonio inmaterial e, en concreto do Entroido de Bergantiños. Velaí a memoria viva dun Entroido que foi e, quizais, algún día volva ser vivido coa forza e intensidade de antes.

Por Rafael Quintía Pereira

Antropólogo